Wednesday 15 de May de 2024

O Concello de San Sadurniño recupera este xoves os plenos abertos ao público


Este xoves 31 de marzo toca pleno ordinario en San Sadurniño. Unha sesión que, algo máis de dous anos despois da irrupción da pandemia, volverá permitir a entrada de público, aínda que limitada ao número de cadeiras dispoñibles e coa obriga aínda en vigor de usar máscara. A orde do día comprende sete puntos, entre os que destacan a toma de razón da renuncia ao seu cargo da concelleira Ana Belén Breixo Gundín, a aprobación de facturas por subministracións eléctricas, unha moción en apoio do pobo Saharauí e, por riba de todos, a presentación de dous informes xurídicos -un externo e outro emitido polo Secretario Municipal- que rexeitan en ambos casos a petición presentada polo PP de que fosen as persoas que formaban parte do Grupo de goberno en 2007 quen asumisen do seu peto as indemnizacións á Cooperativa de Explotación Común de San Sadurniño polos terreos da Cortiña e do Centro de Día.

Os informes son tallantes contraargumentando a petición presentada por María Belén Trigo e Esther Díaz (PP) para que o Concello iniciase un expediente de responsabilidade contra os seis membros do goberno local -Secundino García, Suso Soto, Manolo Varela, María Muíño, Pepe Gudín e Fernando Márquez- que aprobaron en 2007 a sinatura dun convenio urbanístico coa cooperativa, co obxectivo de dispor dos terreos necesarios para construír o Centro de Día e, de paso, acondicionar as leiras da Cortiña como arboreto e horta de conservación de froiteiras.

A asesoría xurídica apunta nas súas conclusións que “non cabe iniciar expedientes de responsabilidade” ao considerar, entre outras razóns, que “non existiu dano patrimonial” para o Concello nin para a entidade, posto que o consistorio pagou o valor dos predios rústicos “a prezo de mercado”, mentres que os de natureza urbana -onde se encontra o Centro de Día- aínda están pendentes de pronunciamento xudicial sobre a súa valoración, extremo este último que tamén invalidaría o inicio de calquera expediente de responsabilidade patrimonial.

Os informes xurídicos tampouco observan o “dolo, culpa ou neglixencia grave” esgrimida polas concelleiras populares, entendendo que os concelleiros e a concelleira integrantes do goberno municipal en 2007 “son cargos electos, non funcionarios aos que se lles esixe un coñecemento das leis”, engadindo neste sentido que tampouco consta “reparo, advertencia nin informe algún” por parte do Secretario Municipal daquel entón alertando da posibilidade de que a aprobación do convenio supuxese a comisión dunha ilegalidade.

De acordo cos informes emitidos polo actual Secretario-Interventor e pola asesoría xurídica externa, no pleno votarase o acordo de “non iniciar” o expediente, dado que “non se cumpren os requisitos que marca a lei” para considerar a actuación do equipo de goberno como neglixente ou dolosa.

Outros asuntos do pleno
Posiblemente sexa este asunto -ou igual non- o que máis debate pode xerar na sesión deste xoves, sen contar o apartado final de rogos e preguntas que adoitan ocupar boa parte do tempo dos plenos ordinarios.

Na orde do día tamén se inclúe a toma de razón da renuncia ao cargo de Ana Belén Breixo e o inicio do procedemento para substituíla, que require a acreditación por parte da Xunta Electoral da seguinte persoa na lista do BNG, neste caso Araceli Bellas.

Noutra parte do pleno tamén se aprobará un expediente para o pagamento de facturas de subministracións eléctricas e, antes dos rogos e preguntas, debaterase a moción presentada polo BNG en apoio do pobo Saharauí tralo cambio de postura do Goberno do Estado -e en contra das resolucións da ONU- con respecto á autodeterminación da antiga colonia española.

O pleno ordinario de marzo comezará ás 19:30h e será emitido ao vivo a través do Facebook do Concello de San Sadurniño. Ademais tamén poderá asistir público.